Noticias

JUN
06

A cultura gastronómica galega nunha magna obra

O Dicionario da Comida Galega reúne nas súas máis de seiscentas páxinas o máis destacado de toda a cultura gastronómica de noso.
A cultura gastronómica galega nunha magna obra

Xavier Rodríguez Baixeras é o autor dun dos grandes proxectos das letras galegas dos últimos anos, o Dicionario da Comida Galega. Do abadexo á zorzacoeditado por Aira e Engaiolarte. Nunha obra ilustrada con fotografías de alta calidade de máis de 600 páxinas, o filólogo e experto en Culinaria vai analizando case un milleiro de voces relacionadas coa cultura gastronómica do noso país.

Polas páxinas deste dicionario van desfilando os principais produtos da nosa horta, do mar... Mais tamén os pratos que xorden desas materias primas, As celebracións, as horas nas que o comemos e os seus rituais, os verbos referidos á comida.

Baixeras fai un amplo e rigoroso percorrido por varios elementos de cada definición: a etimoloxía e orixe da palabra, a tradición dentro da nosa cultura, a súa historia e a pegada que deixou na nosa literatura. Cunha bibliografía de máis de cen títulos podemos averiguar cando se empezou a utilizar un ou outro termo ou como foron evolucionando as diferentes palabras e hábitos culinarios galegos.

Por suposto, no libro aparecen ben glosados os principais tópicos da nosa culinaria, desde o polbo ao churrasco pasando polo cocido, a matanza, as filloas, o caldo... Un festín inacabable e cheo de misterios gastronómicos que aos poucos se van desvelando nas páxinas deste ambicioso volume.

Volver a noticias