Noticias

SEP
06

A Galicia do 1960 vista desde fóra

Na década do 1960, a xornalista sueca Christina Lilliestierna visita Galicia e namora inmediatamente do noso país. Múdase a un pazo en Marín. Neste libro conta a historia dese amor.
A Galicia do 1960 vista desde fóra

Vivir na fin do mundo, de Christina Lilliestierna, traduciuse por primeira vez ao galego no 1983. Agora Rinoceronte reedita a obra, traducida por Marta Dahlgren e Camiño Noia.

Neste libro facemos unha viaxe á Galicia da década do 1960 baixo a atenta ollada dunha persoa que parece chegar como turista a unha terra que lle parece exótica e ancorada no pasado (en comparación coa Suecia natal mais tamén con outros territorios da xeografía ibérica) mais ca finalmente toma a decisión de converterse nunha galega máis.

Lilliestierna compra o pazo do Cadro en Marín e comeza un longo proceso de restauración. Ese proceso é unha perfecta metáfora de adaptación ao propio país e ás súas xentes. Fuxindo da tentación de ver o país desde arriba e desde lonxe, a xornalista vai coñecendo a paisaxe e os habitantes da súa contorna. Intenta entender o porqué do illamento e atraso que detecta dunha maneira aberta.

A obra é moi interesante para o lector de hoxe porque nos permite facer un achegamento ao propio país coma se fose un territorio descoñecido, tal e a distancia que notamos a respecto da Galicia actual. Tamén porque nos permite pensar en como puido favorecerse outro modelo de Galicia en áreas como o turismo.

É un libro que se le moi a gusto, moi recomendable para o final do verán, dada a importancia desta estación no libro. Por certo, o pazo que habitou Lilliestierna hoxe está deshabitado.

Volver a noticias