Noticias

AGO
01

Eu para ser feliz necesito unha libraría

O oficio de libreira aínda hoxe conserva unha aura case máxica. Para os letraferidos hai algo de mística en vivir rodeado de libros, cobrando por buscar e recomendar lecturas que fagan felices os clientes.
Eu para ser feliz necesito unha libraría

Esta é a premisa da que xorde a novela Rialto, 11, primeira obra de Belén Rubiano, publicada por Libros del Asteroide. Aínda que este libro se nos presenta como unha obra de ficción e sabemos que iso significa que quizais todo o que leamos non sexa exactamente como ocorreu na realidade, o ton e o obxectivo literario de Rubiano é claramente unha especie de memoria de aprendizaxe do seu oficio de libreira.

Porque a protagonista é a propia Rubiano, É digna a autora de tamén ser a protagonista? Esta é unha pregunta que moitos escritores non fan e deberían porque en efecto quizais non todas as vidas saben ser contadas. Mais non é o caso de Rubiano. Ela consegue, capítulo a capítulo, converter a súa historia de soños e derrotas nunha aventura interesantísima.

Esta é a novela dunha soñadora que soña letras, que soña o que le e que pasa de ler a querer vivir dos libros. Non como agora, que o intentou como escritora, senón como libreira. Primeiro traballando para outra empresa e logo montando (e desmontando) a súa propia libraría en Sevilla.

A obra lese con moito gusto e fará as delicias de quen soñou ou pensou que tal sería estar do outro lado do mostrador dunha libraría. Os mitos e os ritos, as verdades e as mentiras do negocio, os trucos para mantelo a frote e as apostas, non sempre logradas, por aumentar o gusto das persoas que len, por achegalas aos libros que realmente merecen aínda que non o saiban.

Volver a noticias