Noticias

JUL
18

O fedor que sae dos despachos da prensa madrileña

Imaxina un país no que a prensa ten un enorme poder sobre a poboación, onde consegue que a xente cambie o seu voto, onde logra que odiemos unhas bandeiras e amemos outra. Ese país existe. Chámase Madrid.
O fedor que sae dos despachos da prensa madrileña

David Jiménez é un xornalista moi prestixioso. Gañou o respecto profesional curtíndose como reporteiro de guerra e máis tarde asumindo as correspondencias internacionais en diversas rexións do mundo, principalmente a soldo do xornal El Mundo. En plena crise pola sucesión do arquicoñecido Pedro J. Ramírez como director deste xornal, acaba sendo nomeado director. El director, publicado por Libros del KO, conta a súa experiencia nese posto. Mais este non é un libro de memorias nin un testemuño unicamente persoal.

Jiménez mergúllase nas denominadas cloacas do sistema, unha populosa rede subterránea con moitos barrios que se conectan entre si e se retroalimentan coa enxurrada de corrupción e abuso de poder que caracteriza a parte menos admirable do Estado español. Concretamente, este libro explica que está pasando nos luxosos despachos dos donos da información, como o sistema se preocupa por influír sobre a opinión pública con métodos fóra de toda ética para manter determinadas estruturas en pé.

Este libro é moi interesante para quen está interesado en saber como se negocia o que se publica, por que unhas noticias aparecen en primeira páxina e outras non aparecen nin a media columna. Jiménez vai explicando como o conglomerado industrial español (eléctricas, El Corte Inglés, algunhas construtoras, Telefónica...) teceron unha rede de control e compra-venda de xornalistas e xornais para evitar que haxa calquera cambio que rompa o seu statu quo.

Que foron capaces esas elites para manter o poder? De todo. Desde manter a soldo xornalistas para conseguir informacións dóciles ou favorables a promover informacións falsas sobre Podemos e outras forzas políticas cando as consideraron unha ameaza. O ex director de El Mundo raña nas miserias do xornalismo madrileño, nos xogos de poder e diñeiro nunha das escalas do Estado que presumen de valores como independencia, rigor e liberdade. Palabras ocas que desprenden fedor a pouco que te acerques.

Volver a noticias