Noticias

OCT
03

Recordando a infancia con bo humor

A sevillana Elisa Victoria fai unha viaxe á infancia con 'Vozdevieja', unha novela moi divertida e desenfadada que nos leva á infancia da autora.
Recordando a infancia con bo humor

Blackie Books estase especializando nun tipo de narrativa moi concreta: libros con aparencia de literarios mais que no fondo son moi comerciais. Historias vestidas solemnemente con capas duras e prezos altos pero que por dentro gardan novelas moi accesibles, divertidas e moitas veces inocuas a outros niveis.

Logo do éxito de Los asquerosos, de Santiago Lorenzo, a editorial barcelonesa vai explotar esa liña. É normal que intenten replicar a tecla do éxito. Vozdevieja é un intento de conseguir sumar ese público cativo a un novo proxecto que ten en común co de Lorenzo a busca dunha narrativa amena e divertida, afincada no sentido do humor e na identificación cos personaxes.

Victoria fálanos da súa infancia. A través do trasunto da personaxe de Marina, a autora favorece que os lectores se identifiquen cunha nena moi viva, talvez afastada do perfil habitual dunha criatura deses anos, chea de graza e coña.

Outro acerto de Vozdevieja nesa busca de ser comercial (para minorías) è a capacidade para facernos volver á década do 1990, cando non había móbiles nin internet e o lecer das crianzas estaba a camiño entre o dominio da rúa dos 80 e o enclaustramento que trouxo consigo o século XXI.

O que fai desta novela un libro apto para público adulto a pesar do seu contexto infantil é o tratamento de temas difíciles, duros. Estes temas adultos vense a través do prisma da propia Marina mais tamén da súa avoa, contrapunto moi interesante, igual de divertido e capacitado dunha forza literaria indubidable.

 

 

Volver a noticias