Noticias

JUN
13

Un cómic sobre a África alegre

Aya de Youpogon é un dos cómics máis interesantes do século XXI. A súa narrativa, que nos amosa unha África vivaz, optimista e cotiá, obra de Marguerite Abouet, combinada cos debuxos de Clément Oubrerie, fai deste título un cómic moi recomendable.
Un cómic sobre a África alegre

Marguerite Abouet é oriúnda de Abidjan, en Costa do Marfil, aínda que vive desde os 12 anos en Francia. Aya de Youpogon é seguramente a súa obra máis coñecida.No 2006 gañou o Premio á Mellor Ópera Prima no Festival do Cómic de Angoulême e no 2013 foi adaptada ao cinema de animación.

En castelán Norma publicou os dous primeiros volumes. Que podemos encontrar nesta obra? A visión da mocidade africana en Costa do Marfil na década do 1970. Unha África alegre, algo gamberra, preocupada polos problemas cotiáns: amor, enfermidade, traballo mais co prisma dunha cultura que (polo menos naquela altura) vía as cousas dun xeito diferente a como se vían en Europa.

É moi interesante nesta obra o papel da muller. Abouet describe  unhas personaxes con moita viveza e con conflitos moi interesantes para o lector. 

Nesta obra non hai clixés nin condescendencia. Menos, vitimismo. A historia está enfiada por un sutil sentido do humor e por unha sensualidade moi ben conseguida polos debuxos de Oubrerie. Unha serie de novelas gráficas que se desfruta cos cinco sentidos.

Volver a noticias