O VOLFRAMIO EN VARILONGO

O VOLFRAMIO EN VARILONGO. SANTA COMBA DE XALLAS 1941-1963

Editorial:
XERAIS
Ano de edición:
Materia
Historia
ISBN:
978-84-9914-991-2
Páxinas:
152
Encadernación:
Rústica
-5%
19,50 €
18,53 €
IVE incluído
Descatalogado

O volframio, ese sorprendente ouro negro que tantas cobizas, fortunas e soños moveu nos anos da Segunda Guerra Mundial, é o protagonista desta maxistral monografía sociopolítica (e aínda máis) da escritora Carmen Blanco Ramos. Ela mora en Santa Comba de Xallas, ao pé das farturentas minas de Varilongo, e alí entrevistou a varias persoas que, dun xeito ou doutro, tiveron que ver co "mineral" que, no seu día, mudou na comarca, nos anos de esplendor, fortunas, costumes, actitudes... A febre e o gaño deste ouro negro mesmo suscitou versos ó xeito popular, como as "cantareas" recollidas nun capítulo deste libro.
É o ouro que disputaban, felinamente, axentes dos nazis e axentes dos aliados para perfeccionaren as súas terribles armas de guerra. Disputas nas que, en ocasións, atopamos empresarios, traballadores ben pagos e veciños que andaban "á roubeta" perseguidos pola Garda Civil. Alá no fondo, movendo algúns dos fíos do negocio, xentes moi vinculadas a Franco, como o seu cuñado Ramón Serrano Suñer (ex-ministro), o capitalista Ildefonso Fierro ou o pai de Cristóbal Martínez Bordiu.
Entre os que gañaron o pan nas minas de Varilongo está unha familia ilustre, honrada e castigada: os Liste (seis membros) da parroquia de Calo, con Eduardo Liste Forján á cabeza, irmán de Enrique Líster, o heroico capitán das milicias republicanas.
Esta é a primeira monografía sobre o tecido sociopolítico do volframio galego, que tantas cobizas enfrontou e tantos hábitos mudou noutras partes de Galicia, desde as ricas minas de Silleda ós pequenos filóns de San Paio de Ventosela, nas terras de Ribadavia.
Xesús Alonso Montero