Noticias

ABR
27

Libros diferentes para un Día da Nai diferente

O 3 de maio é o Día da Nai. Aínda que en moitos casos non poderemos estar con eles esa data tan entrañable, dámosche unha morea de ideas de libros que lle poden gustar. Mira a nosa escolma.
Libros diferentes para un Día da Nai diferente

Se buscas unha historia onde a realidade supere a ficción, onde respire boa literatura e un ambiente cheo de segredos familiares, a túa escolla debe ser La herencia, de Vigdis Hjorth, un dos grandes éxitos da recente literatura norueguesa, con moitos premios e con moi boas cifras de vendas. Unha novela publicada en castelán por Mármara e Nórdica nunha bonita edición.

Sen saírmos das historias familiares, que tal un dos grandes éxitos de vendas dos últimos meses? El verano en que mi madre tuvo los ojos verdes, de Tatiana Tibuleac, publicado por Impedimenta, conta unha difícil relación maternofilial e como a tenrura e o coidado conseguen que dúas persoas distanciadas acaben por reconciliarse. Este libro está a ser un dos máis recordados da literatura moldava. 

Outra grande historia ao redor do vínculo que une unha nai e unha filla é Apegos feroces, de estadounidense Vivian Gornick, publicada por Sexto Piso. Contada en clave autobiográfica, a novela explica a relación dunha filla coa súa nai, a dificultade de entenderse mutuamente e de darse conta do paso do tempo.

O libro da filla, de Inma López Silva, publicado por Galaxia, é unha novela sobre a culpa, os segredos, a ética e a mentira mediante técnicas de thriller. Helena é unha xornalista que debe investigar o caso dun home acusado de abusar da súa filla, un terrible crime do que el se defende afirmando que todo nace dunha conspiración da súa ex muller.

Nais moi diferentes entre si son as protagonistas de A outra nai, do italiano Andrej Longo, novela publicada en galego por Rinoceronte. Unha historia de nais valorosas nunha sociedade decadente e pobre, a do sur de Italia.

Historia de paixóns e de emocións íntimas é O que non sabías, de Elba Pedrosa, publicada por Xerais. A lembranza, a dor, a construción da propia identidade a través das historias familiares, compoñen un texto que lle permite ao autor singrar polas vidas contadas con dozura.

En canto a libros ilustrados moi axeitados para esta data, recomendamos o grande éxito Nai, de Helene Delforge e Quentin Graban, editada en galego por Algar. Un álbum ilustrado cheo de tenrura e maxia que transmite como poucos a grandeza do sentimento materno. Cinco minutos de paz, de Jill Murphy, publicado por Kalandraka, é unha doce historia sobre unha mamá elefanta, cansa da vida cotiá, que só procura un bocadiño de descanso. Precioso libriño. La ciudad de cristal é o último cómic da prestixiosa autora Isabel Greenberg, unha banda deseñada publicada por Impedimenta que recrea as vivencias da familia Brontë.

Outros títulos recomendados:

As obras de Chimamanda Ngozi Adichie.

Mulleres que (nos)dan que pensar.

O amante.

Persuasión.

Dente de leite.

Voltar