Este novo poemario de Carlos Da Aira respira polas branquias clamando polas ás: as dun pobo que entra en transo cando danza, a través dunha memoria percutida, dunha foliada comunal, proxectándose cara á forza revolucionaria da alegría.
Chega este libro ao punto de ignición, para proclamar o incendio alquímico e simbólico como acto purificador pero tamén a premura por acadar un novo comezo xurdido da cinsa. Actos de beleza e de verdade condensados nas linguaxes do combate amoroso e da delicadeza revolucionaria, expresados no diálogo integral das formas verbais e visuais en colaboración con Alexandre Folgoso.
E sempre, a dignificación das marxes, da memoria do traballo, do canto á cultura dos subalternos. Todos eles clamores libertarios que asentan este libro na mellor ética do fraternal e asembleario, na construción común do futuro, na ecoloxía profunda que é amor, na solidaria e anticapitalista chamada á revolta contra a pobreza. Poesía profunda.
Olga Novo