Galaxia publica o novo libro-disco de Mamá Cabra, ilustrado, coma o exitoso Ola, ola, la!, por Kristina Sabaite, no que participan importantes poetas galegos, neste caso Antón Cortizas, Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro e a propia Gloria M. Roel, vocalista do grupo e que desta volta se anima tamén a compoñer letras. Un mollo de cancións para esperar con máis ilusión a chegada dos Magos. Unha presada de temas para cantar, para bailar, para choutar coa mesma ledicia e enerxía que sempre atopamos nos discos de Mamá Cabra.