Noticias

OCT
17

Enxeño e sabedoría en breves pílulas

Xurxo Borrazás é un dos escritores máis relevantes do noso tempo. Afastado das modas e cun estilo moi persoal, en 'Brevedume' condensa en pequenos textos parte do seu ideario estético.
Enxeño e sabedoría en breves pílulas

Brevedume está composto por textos breves de carácter mestizo. Por unha banda si son literatura mais por outra son xornalismo de opinión. Dá gusto ler un autor que non se contenta con escribir sobre o convencional e con argumentos habituais. Ao contrario, o autor carballés opta por continuar coa súa libre e persoal interpretación do mundo.

A disposición de libre pensamento está moi en consonancia co propio texto e a súa disposición neste volume. Borrazás non nos invita a unha lectura continuada, narrativa, novelesca. Ben ao contrario a súa proposta é máis ben a contraria: unha lectura fragmentaria, aos poucos, picando aquí e acolá. De aí que durante os oito anos nos que está datado o texto, o escritor volveu máis dunha vez ao mesmo tema. Ese vaivén faise orgánico se somos capaces de adaptarnos a el coa nosa forma de ler.

Unha invitación á lectura e diálogo tamén con outros autores e textos. Un convite á reflexión e ao debate, co propio autor e coa propia realidade, cuxa percepción se fai cada vez máis sofisticada diante dos moitos vectores que inflúen nela. E todo confeccionado con enxeño e humor. 

                  

                 

Volver a noticias