Noticias

XUÑ
20

Julian Barnes explora o verdadeiro amor

Un mozo de 19 anos namórase da súa compañeira de tenis na urbanización na que viven. Ela ten 48 anos, fillos maiores ca o seu amante. E está tamén namorada del.
Julian Barnes explora o verdadeiro amor

La única historia, de Julian Barnes, publicada por Anagrama, é unha novela de amor. De feito, empeza cunha frase tan intensa e certeira que talvez resuma xa non só o argumento desta novela senón das expectativas vitais de calquera ser humano. Que escollerías, amar máis e, polo tanto, sufrir máis? Ou mellor amar menos e sufrir tamén menos?

O autor, un dos máis importantes das letras británicas actuais, convócanos a unha obra austera no narrativo e profundo na análise das relacións humanas. Esta é unha obra mestra da técnica literaria onde non sobran páxinas, onde o escritor non necesita exhibir todo o que sabe nin atar o lector con efectos especiais. Literatura limpa, madura, para lectores maduros.

No fondo, detrás dese amor total entre dúas persoas aparentemente tan distintas (na realidade teñen moitos puntos en común) está a sensación de que na vida de cada persoa, por moi boa sorte que teñan, por moitos amores que dean construído, só hai unha única historia (a do título), un amor que os supera a todos, que é capaz de dominarnos á súa vontade e levarnos ao maior dos praceres, ao maior dos tormentos.

Por certo, como di Barnes, non podemos escoller entre amar e non amar. O amor, se se escolle, é que non é amor.

Voltar