Noticias

SET
12

Os animais máis famosos da historia

Michel Pastoureau é un dos grandes historiadores do momento. Durante toda a súa vida atendeu aos estudos sobre evolución da cor, dos símbolos e tamén dos animais no imaxinario cultural occidental. Agora publica 'Animales célebres'.
Os animais máis famosos da historia

Animales célebres, publicado por Periférica, é un achegamento á fauna que foi relevante na nosa historia. A cobra do paraíso, o grupo que viaxou con Noé na arca, o "zoolóxico" gravado na pedra dos gravados prehistóricos, o Minotauro...

A grandeza do medievalista francés é que para el tanto ten se eses animais existiron ou se forman parte do imaxinario colectivo a través do relato literario, artístico ou relixioso. Segundo o seu enfoque da historia das mentalidades, para o individuo e para a sociedade, estes animais foron tan influentes se viviron no mundo material ou no mundo das ideas.

Pastoureau escribe con moito pulso. Sabe moi ben condensar un tema complexo para que lle resulte agradable e accesible ao lector non especializado. Sen abandonar o rigor e a diversidade de fontes e coñecemento, o historiador compón unha deliciosa historia xa non só sobre o animal do que fala en cada capítulo senón sobre todo ao redor do momento histórico onde tal animal se desenvolveu.

A relación entre humanos e fauna é moito máis complexa e longa do que pensamos. Até hai poucas décadas o ser humano non só convivía cos animais denominados xeralmente como mascotas senón, especialmente, co gando: compañeiros de vida diaria que logo formarían parte da súa dieta dunha maneira moito máis consciente que neste tempo. Esa relación aparentemente sinxela entre a humanidade e o seu alimento deixou, en cambio, unha complexísima construción cultural que o historiador nos axuda a entender a través desta deliciosa obra.

Voltar