Libraría Aira das Letras

Imaxina unha tenda de libros digna de aparecer como protagonista dun libro. Imaxina un lugar onde a beleza parou e foi ocupando metro a metro todo o espazo. Imaxina unha libraría que é, ademais, unha atracción turística. Agora abre os ollos e mira para dentro da Aira das Letras, un pequeno recanto de maxia no centro de Allariz.

Na Aira das Letras levamos desde o 2010 cultivando a fantasía, a imaxinación e a fermosura. Aquí podes atopar libros de todos os tipos aínda que nos gusta presumir de que nos especializamos en libro bonito, ese que dá gusto non só ler senón tocar, ulir, ter perto do corazón porque transmite pracer desde a portada. Obras ilustradas para persoas adultas mais tamén libro infantil e xuvenil, tanto novidades editoriais como libro de fondo. En narrativa, amais dos supervendas, ofrecemos títulos de editoriais independentes que procuran converter a calidade en moda. E como non todo vai ser ler, na Aira das Letras hai xoguetes, crebacabezas tradicionais e en tres dimensións, caleidoscopios, cuncas literarias e ilustradas, axendas e elegantes cadernos que estimulan a creatividade.

Ven, visítanos. Desfruta dos murais autoría do artista alaricano Javier Varela. Senta no noso sofá cun bo libro na man e suspende o tempo. As persoas que formamos parte da Aira das Letras estamos desexando recibirte na nosa casa e conseguir que marches feliz, cun anaquiño de beleza debaixo do brazo.

 

Visita a libraría por dentro!